Centro Plurilingüe
Vivimos nunha sociedade globalizada, inmersa nun proceso de reformas estruturais para facer fronte ao desenvolvemento dun novo modelo económico e produtivo. A competencia en linguas estranxeiras deixa de ser un factor cualitativo da formación das persoas para converterse nun factor determinante na busca de emprego e na produtividade. Unha boa competencia en linguas xa non é por tanto un valor engadido, é unha necesidade imperiosa para abordar os retos económicos,
educativos e sociais do noso país.
A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, despois de realizar unha profunda análise do estado do sistema educativo de Galicia no que a competencia en lingua estranxeira se refire, márcase tamén para os próximos anos o obxectivo de incrementar a competencia en linguas estranxeiras do alumnado e profesorado, a través dunha serie de medidas e accións recollidas no “Plan galego de potenciación das linguas estranxeiras”.
O primeiro eixo de intervención deste plan con respecto aos centros educativos baséase na creación de seccións bilingües. O seguinte sería a transformación de seccións bilingües en centros plurilingües. Despois de varios cursos con seccións bilingües activas no noso centro, tendo en conta a boa aceptación das mesmas por parte das familias, iniciamos un novo programa para integrarnos na rede de Centros Plurilingües de Galicia.
Coñecemos e estamos convencidos das oportunidades que ofrece CLIL, "Content and Language Integrated Learning", aos alumnos e alumnas para utilizar outras linguas dunha maneira natural. As vantaxes de CLIL en canto á aprendizaxe dunha lingua baséanse nunha maior cantidade e calidade de exposición do alumno á lingua estranxeira, o que á súa vez implica unha maior motivación para aprender.
O enfoque CLIL, igual que ocorre con outras iniciativas educativas, supón un novo reto para o profesorado e unha motivación especial. Para lograr os obxectivos propostos estamos a traballar xuntos os profesores da materia CLIL e os de linguas, achegando cada un os nosos coñecementos individuais para logo facer deles un coñecemento compartido.
No campo das linguas estranxeiras o crecente interese pola dimensión comunicativa implica cambios importantes, que se reflicten nunha renovada atención á metodoloxía empregada e nunha maior flexibilidade no uso de materiais educativos. Estes cambios obedecen a unha serie de tendencias que se converten no eixo do noso labor docente, destacan as seguintes:
- O uso da lingua con fins comunicativos.
- A énfase nos procesos naturais da aprendizaxe.
- A valoración das variables individuais no proceso de ensino/aprendizaxe.
- O ensino centrado no alumno ou alumna.
- A importancia da relación entre a lingua e o contexto sociocultural.
- O desenvolvemento da autonomía do alumnado.

Para un mellor desenvolvemento deste enfoque comunicativo contamos coa axuda dun auxiliar de conversación, que apoia o labor do profesorado de linguas estranxeiras facilitando o enfoque comunicativo e representando un auténtico vínculo de achegamento á cultura dos países onde se fala a lingua inglesa.
A nosa experiencia destes dous cursos demóstranos que son moitas as vantaxes do traballo colaborativo cunha persoa nativa:
- O alto grao de motivación que lle proporciona ao noso alumnado.
- A aparición dun contexto real no que a situación comunicativa deixa de ser unha simple simulación, adquirindo un grao de utilidade visible.

- O deber de realizar un esforzo para expresarse e comprender na L2, que lle vai a afectar tanto ao alumnado, como ao propio profesorado de linguas estranxeiras.
- A posibilidade de mellorar os aspectos fonéticos da lingua inglesa, non só con respecto á correcta pronuncia senón tamén a una adecuada entoación.
- A colaboración co profesorado para elaborar materiais didácticos para utilizar na aula.
- O achegamento tanto do alumnado, como do profesorado á cultura do seu país, achegando coñecementos, ideas e se fose posible, materiais reais: prensa, materiais audiovisuais, postais, folletos, mapas, carteis, billetes de medios de transporte, menús, invitacións...
- A mellora da competencia lingüística tanto do profesorado de linguas estranxeiras como do resto do profesorado, que poida estar interesado na comunicación oral en lingua inglesa.
- A creación dun ambiente de inmersión lingüística no propio centro.













