Lingüística

A competencia en comunicación lingüística é o resultado da acción comunicativa dentro de prácticas sociais determinadas, nas cales o individuo actúa con outros interlocutores e a través de textos en múltiples modalidades, formatos e soportes. Representa unha vía de coñecemento e contacto coa diversidade cultural que implica un factor de enriquecemento para a propia competencia e que adquire unha particular relevancia no caso das linguas estranxeiras.
Esta competencia inscríbese nun marco de actitudes e valores que o individuo pon en funcionamento: o respecto ás normas de convivencia; o exercicio activo da cidadanía; o desenvolvemento dun espírito crítico; o respecto aos dereitos humanos e o pluralismo; a concepción do diálogo como ferramenta primordial para a convivencia, a resolución de conflitos e o desenvolvemento das capacidades afectivas en todos os ámbitos; unha actitude de curiosidade, interese e creatividade cara á aprendizaxe e o recoñecemento das destrezas inherentes a esta competencia (lectura, conversación, escritura, etcétera) como fontes de pracer relacionada co goce persoal e cuxa promoción e práctica son tarefas esenciais no reforzo da motivación cara á aprendizaxe.
No Centro elaboramos tres plans cuxo obxectivo fundamental é traballar esta competencia aínda que indirectamente tamén se traballan o resto das competencias.
O noso PLC (proxecto lingüístico de centro) ten como obxectivo traballar esta competencia por dous motivos principais:
- O resto das competencias utilizan a comunicación lingüística.
- En calquera aspecto da nosa vida (relacións persoais, laborais, busca de información, comprensión e creación de textos…) utilizamos a linguaxe adecuándoa a cada contexto ou situación particular.
O proxecto lector pretende potenciar a lectura como fonte de coñecemento, de pracer, de fantasía, de descubrimento doutras contornas, idiomas e culturas. Todo isto contribúe ao desenvolvemento persoal e social do alumnado debido á estreita relación que existe entre ler e outros procesos intelectuais como escribir, falar e escoitar.
O plan de seccións bilingües e o proxecto de auxiliar de conversación pretenden ofrecer ao alumnado unha educación completa que os prepare para poder integrarse plenamente no mercado laboral e colaborar na sociedade actual. A aprendizaxe da lingua estranxeira baséase na comunicación en situacións reais e na adquisición de coñecementos con fins prácticos.
Para levar a cabo os dous primeiros plans contamos coa colaboración do equipo de dinamización da lingua galega (EDLG) e coa biblioteca do Centro. O EDLG fomenta a utilización do galego a través de moi variadas actuacións detalladas na propia programación deste equipo.
A biblioteca do Centro ten como obxectivo xeral fomentar a lectura, creatividade e fantasía do alumnado. Tamén dispón de libros de consulta e material audiovisual especializado en distintas materias e accesibles tanto a alumnado como a profesorado.














